A Consellería de Política Social ven de publicar a Orde pola se establecen as bases reguladoras da Tarxeta Benvida 2018 (DOG núm. 246 do venres 29 de decembro de 2017).

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 377105.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index:)

Primeiro. Persoas beneficiarias

  1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nun dos seguintes supostos:
  2. Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nadas/os entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
  3. Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
  4. Tamén se poderán beneficiar da axuda as galegas e os galegos e os seus descendentes que se encontren en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2018.

Segundo. Obxecto

  1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2018 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena nado/a en 2018 (BS403B), e proceder á súa convocatoria.
  2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 35.957.576 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en catro anualidades, dos cales corresponderán 9.000.000 euros ao ano 2018, 13.843.676 euros a 2019, 8.742.600 euros a 2020 e 4.371.300 euros a 2021.

Quinto. Contía da axuda

  1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla nado/a en 2018 durante o seu primeiro ano de vida a razón de 100 €/mes, que se farán efectivos do seguinte xeito:
  2. Ano 2018: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
  3. Ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena cumpra un ano.
  4. Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 €, a axuda ampliarase, no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos, nas seguintes contías:
  5. 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
  6. 200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.
  7. 400 €/ano, a razón de 200 €/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Esta ampliación farase efectiva en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo/a cal se concedeu a axuda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2018 e sempre que o fillo ou a filla nacese con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

MAIS INFORMACIÓN:

“Orde do 19 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nadas/os no ano 2018 e se procede á súa convocatoria.”

(https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171229/AnuncioG0425-191217-0002_gl.html)

As solicitudes poden formularse presencialmente a través do Departamento de Sevizos Sociais do concello de Boqueixón (981 513 106) ou ben directamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS403B).

Arriba